A Mesa de Calidade de «Ourense Termal» renova 25 servizos turísticos e propón tres máis para a súa certificación

Rosendo Fernández presidiu no Pazo Provincial a reunión deste órgano encargado de trasladar ao Comité Nacional do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) a concesión do distintivo de «Compromiso de Calidade Turística»  

Na reunión, á que asistiu por primeira vez o Clúster de Turismo de Galicia, acordouse propoñer a renovación dos 25 servizos turísticos logo de realizar a formación requirida polo SICTED, así como incorporar a tres novos establecementos do Carballiño, Ribadavia e Lobios 

Ourense, 13 de novembro de 2023.- A Mesa de Calidade Turística do Destino «Ourense Termal» reuniuse no Pazo Provincial para propoñer a renovación dos 25 servizos turísticos que foron certificados o ano pasado, logo de que todos eles realizaran a formación requirida, así como as actuacións previstas no seu correspondente plan de mellora.  

Xunto a estas entidades e empresas, que forman parte ademais dun «Grupo de Traballo sobre sustentabilidade e economía circular» no destino, a Mesa de Calidade propuxo tres novos servizos turísticos para ser avaliados polo seu «Compromiso de Calidade Turística» nos municipios do Carballiño, Ribadavia e Lobios. Trala revisión por parte deste órgano, todos eles trasladaranse ao Comité de Distinción Nacional que terá lugar no mes de decembro.  

Esta acción forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística en «Ourense Termal» que executa a Deputación de Ourense, a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A partir do mes de xaneiro, poderán iniciar a formación os novos servizos turísticos para optar a ser distinguidos o vindeiro ano.  

O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino é un proxecto de mellora continua da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR), co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e satisfacción do turista.  

A Deputación de Ourense executa este Plan a través dun ente xestor, neste caso o Inorde, e o seu presidente, Rosendo Fernández preside a Mesa de Calidade. Forman parte deste órgano: a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia, a CEO, a Universidade de Vigo, a Confederación provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo; os xeodestinos Ribeiro-Carballiño, Celanova-Xurés e Verín-Monterrei; as asociacións de Guías Turísticas e Axencias de Viaxes de Galicia; e incorporouse por primeira vez o Clúster de Turismo de Galicia.  

A provincia de Ourense avanza así en materia de desenvolvemento turístico, que recentemente recibiu un impulso coa creación dos destinos SICTED dos xeodestinos «Terras de Celanova-Serra do Xurés» e «Trevinca-Valdeorras», xestionados polo Inorde.